O asentamento das poboacións nun sitio implica moitas mudanzas na paisaxe. As sociedades humanas requiren para a súa supervivencia intervir na natureza e extraer recursos, ferramentas coas que construír casas e obter alimentos. Porén, cada sociedade intervén na natureza de xeito distinto e isto reflíctese no tipo de asentamento e na súa configuración. Por exemplo, as sociedades de cazadores e recolledoras establecían asentamentos de pouco impacto na paisaxe, xa que tiñan que aproveitar o máximo da natureza. Pola contra, hoxe, nos tempos chamados do antropoceno, explotamos a natureza a través de grandes cidades e industrias cun grande impacto no territorio. Dalgún xeito, a configuración dos asentamentos di moito das sociedades que neles viviron.
E o xacemento de Valencia do Sil é un reflexo perfecto da sociedade dos momentos finais do Imperio romano, isto é, ten unha complexidade urbanística que conforma un xacemento único. O sitio está estratexicamente situado nun cumio que controla gran parte da bisbarra de Valdeorras, do río Sil e da vía Nova, que conectaba Asturica Augusta con Braga. Para a instalación dos diferentes barrios, a comunidade construíu varias plataformas sobre ás que se situaban os edificios. Isto implicou un desmonte moi profundo e un gasto de traballo enorme, o que nos fala da importancia que tiña o sitio. Ademais, a construción dunha potente muralla que pechaba sur e leste mostra o interese de protexer as actividades que se facían no interior. Estas plataformas pódense ver moi ben nas imaxes do voo dron que, grazas ao traballo de Diego Torres Iglesias, puidemos tratar dixitalmente.

En cada unha destas plataformas instaláronse diferentes construcións para satisfacer as necesidades da comunidade. Polo momento, e grazas as escavacións do grupo de Os Escarbadores, de Santiago Ferrer e as nosas propias intervencións, temos información sobre dúas zonas do xacemento. A primeira corresponde cunha zona de habitación construída na parte central do sitio. Esta ten un total de nove habitacións instaladas en tres niveis distintos. A parte de abaixo podería corresponder a un patio, onde atopamos un pozo.
Na parte alta estarían as habitacións principais, o que podemos saber pola presenza de varios fogares. Non sabemos se estas habitacións corresponden todas a unha única unidade doméstica ou a un barrio con varias unidades xustapostas. É posible que estas estruturas correspondan a unha soa familia extensa, e que o xacemento estivese cheo de estas unidades familiares. En calquera caso, o que mostra a planimetría do sitio é unha significativa planificación do sitio e un importante investimento na súa construción, moi lonxe dunha comunidade en fuxida e inestable.

Esta planificación nótase aínda máis nos resultados preliminares das nosas escavacións. Polo momento, e á espera das analíticas e estudos da cultura material, interpretamos a estrutura escavado no sector leste do xacemento como unha zona de produción de ferramentas de ferro ou quizais un almacén onde se gardaba o mineral para traballalo despois. De calquera xeito, o que mostraría é que as funcións de produción e de habitación estaban separadas no espazo. Isto implicaría unha boa planificación do sitio antes de instalar os edificios.
Aínda máis, tanto na zona doméstica como na zona produtiva atopáronse chans do chamado opus signinum. O opus signinum é un chan feito a partir de anacos de ladrillo xunto con cal. Este tipo de chan é mi bo para illar as estruturas é non era moi doado de facer, o que implica un certo control de técnicas construtivas especializadas.

En resumo, a configuración do sitio de Valencia do Sil mostra unha importante planificación da instalación do sitio, reflexo da complexidade social da comunidade que vivía neste sitio. Por que ocuparon este enclave, como se organizaba a sociedade de Valencia do Sil e cando e por que o abandonaron son preguntas aínda difícil de contestar. Pero esta é a beleza da arqueoloxía.
Na seguinte ligazón pódese ver un modelo 3d da escavación deste ano.