Aldeas e granxas altomedievais en Galiza: algúns exemplos

Comentabamos noutros posts que, en xeral, o campesiñado é visto pola investigación como un suxeito pasivo, condenado a sobrevivir aos condicionantes naturais e tendente a desaparecer baixo o avance da modernidade. Isto é aínda máis certo no caso dos períodos coñecidos por «escuros», como é a Alta Idade Media. Tradicionalmente, o campesiñado altomedieval víase de xeito «primitivista», ou sexa, cunha economía moi simple, moi móbil e con asentamentos moi inestables.

Porén, nas últimas dúas décadas esta idea mudou substancialmente. Grazas ao -ou mellor por consecuencia do- boom inmobiliario nos anos 90 e na mudanza do século escaváronse centos de contextos arqueolóxicos da Alta Idade Media. Toda esta información permitiu achegarse a este período de xeito completamente novo. Máis aínda, grazas á escavación dun altísimo número de contextos rurais en territorios como Cataluña, Madrid, País Vasco ou a conca do río Douro, puídose renovar a visión sobre o campesiñado da Alta Idade Media.

Estudos moi detallados dos seus asentamentos, a súa economía e o seu artellamento coas paisaxes demostra unha significativa complexidade destas sociedades ao longo da península ibérica no período posromano. Por exemplo, grazas aos estudos de fauna e das sementes atopadas nas escavacións sabemos que tiñan estratexias económicas moi complexas para afrontar a incerteza ecolóxica. Máis aínda, polos estudos antropolóxicos sabemos que tiñan unha alimentación relativamente boa, a pesar de que puidesen existir certas carencias puntuais. Un campesiñado moi lonxe da visión apocalíptica tradicional.

Planimetría da aldea de Gózquez, en Madrid, unha das aldeas altomedievais mellor coñecidas da península ibérica

Este tipo de estudos e aínda moi incipiente en Galicia. Isto débese a dúas razóns principais. A primeira é que as escavacións vinculadas á construción foron menos numerosas e sistemáticas que noutros contextos peninsulares. A outra razón principal é a forza dalgúns paradigmas historiográficos que dificultan a comprensión deste período desde os novos datos arqueolóxicos. Porén, existen xa moitos datos que permiten facer un achegamento máis complexo ás sociedades rurais altomedievais. Aquí presentaremos só dous contextos arqueolóxicos como exemplos de asentamentos rurais altomedievais.

O primeiro é o contexto de Casanova (Abadín, Lugo). Este xacemento atopouse en 1998 nun control arqueolóxico dunhas obras para a instalación dunha liña de gas. Posteriormente, durante a construción da autoestrada AP-8, fixéronse dúas campañas de escavación por parte da empresa Ambiotec. Nestas, documentáronse ata 120 estruturas con dúas fases de ocupación: unha durante a Prehistoria Recente (mostrada pola presenza dunha fibela transmontana) e outra fase na Alta Idade Media. Nesta última documentáronse ata tres unidades domésticas con edificios rectangulares con bases de pedra e, de xeito excepcional, varias tumbas de laxes. O noso traballo de revisión do material puido datar o contexto entre os séculos VI e VIII d.n.e.

Entorno do xacemento de Casanova

O outro contexto é A Pousada (Bornais, Santiago). Este xacemento foi atopado no contexto dos traballos para a Avalidación do Impacto dunha obra de construción en 2001. Documentouse entón unha unidade doméstica de base de pedra cuxa principal característica é a estabilidade no tempo. Grazas ás datacións radiocarbónicas puídose datar o contexto entre os séculos VII e XI d.n.e.

Aldea da Pousada

Xacementos como Casanova e A Pousada permítennos comprender de xeito máis profundo e complexo as mudanzas dun período tan importante pero pouco coñecido como a Alta Idade Media. Aínda queda moito por facer, pero o que xa chama a atención é que, lonxe de ser sociedades inestables, o campesiñado altomedieval mostra signos dunha complexidade moi significativa.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s