Quando falamos da Galécia, tendemos a pensar nos limites da atual Galiza. Curiosamente, onde isto é mais comum é no mundo académico. Não são poucos os artigos científicos que ao analisarem a província romana da Gallaecia tomam como referência as fronteiras de hoje. Isto não é apenas um erro em termos analíticos, mas também um problema histórico, já que muitos dos processos durante o período romano, estiveram muito influenciados pelos limites provinciais impostos pelo império. Este é o caso, por exemplo, dos assentamentos fortificados, um fenómeno sobre o qual já temos falado.
Como sabemos, a Galécia foi uma província constituída por três conventos: o conventus lucensis, o conventus asturicensis e o conventus bracarensis, incluindo, durante o século IV, o antiguo conventus cluniacensis. Instituida após a reforma de Diocleciano, depois do século V os seus limites administrativos foram desaparecendo. Ainda que o reino Suevo aproveitou as vantagens de ter uma delimitação tão clara, as suas fronteiras já não seriam as mesmas que durante o período romano. Porém, durante os séculos pós-romanos, e ainda que o conceito de Gallaecia desaparecia progressivamente, este espaço seguiu a ter uma importância significativa, pela construção das identidades e a política da época.
Assentamentos fortificados tardo e pós-romanos no noroeste peninsular
Como sabemos graças aos estudos que temos feito, durante a segunda metade do século IV e durante todo o século V d.n.e. houve uma significativa ocupação e reocupação de assentamentos fortificados em altura. Ainda que este fenómeno foi comum em toda a península ibérica, parece que no caso do noroeste foi inclusive mais importante. Num trabalho recente onde fazemos uma recompilação deste tipo de locais, podemos ver que pelo menos 43 -e com segurança são mais- estiverom ocupados neste tempo. A nossa hipótese é que uma explicação para isto é precisamente a importância da identidade gerada pela delimitação administrativa da provincia romana da Gallaecia, bem como por outros fatores como a geografía e o desenvolvimento das elites tardo-romanas.
Em próximas entradas falaremos em particular destes contextos, sempre com a vista posta a desenvolver as hipóteses propostas e aprofundar num momento decisivo da configuração histórica e política do noroeste peninsular.
Un dos debates máis importantes que se desenvolveu nas últimas décadas no campo da historia e a arqueoloxía da Alta Idade Media é a cuestión das etnias. En resumo, este debate artéllase en torno á importancia e o papel que xogou a identidade étnica na constitución dos reinos pos-romanos. Aínda que hai moitas posicións ao redor deste debate, dúas son as que polarizaron as distintas achegas. A primeira di que a etnicidade é fundamental para comprender o desenvolvemento das sociedades desde a crise do século III no Imperio Romano en adiante. Deste xeito, as persoas e os grupos sociais estarían moi determinados pola etnia á que pertencería. A segunda posición defendería que a etnicidade é unha construción social e que se utilizaría en cada contexto histórico de xeito distinto. Unha posición intermedia, defendida por autores como Reinhard Wenskus ou Walter Pohl, diria que as etnias teñen un proceso de xurdimento, ou etnoxénese, que constitúe un nivel de identidade social e política fundamental no período de emerxencia dos reinos pos-romanos.
No caso da historia do noroeste peninsular, a emerxencia e consolidación do reino suevo está en estreita ligazón con estes debates sobre as etnias. Segundo Hidacio, suevos, vándalos e alanos entrarían na península ibérica no ano 409 e, tras unha posterior guerra contra os visigodos, aliados de Roma, só os primeiros sobrevivirían en solo hispano ata a súa conquista definitiva no ano 585. Neste ano, os suevos integraríanse na sociedade hispano-romana.
Mais, quen eran estes «suevos»? Quen eran estas persoas que entraron en Hispania no ano 409? Tradicionalmente, a historia ligou estes suevos do século V d.n.e. coas etnias do centro de Europa das que falaban os antigos etnógrafos romanos. Para analizar este complexo tema é preciso entender de que falaban estes etnógrafos e en que contexto o facían. Neste e nos seguintos posts faremos unha análise sobre a imaxe que dos suevos e das etnias antigas tiñan distintos autores de xeito que poidamos entender os acontecementos que tiveron lugar no século V d.n.e.
Tácito
Un dos autores máis influentes na construción da idea que temos dos suevos é Tácito e o seu libro «Germania». Tácito é un autor romano nacido no ano 56 d.n.e. probablemente na Galia Narbonense (Francia do surleste). A súa vida como escritor e como político (xa que foi cónsul) estivo moi determinada polo réxime despótico de Domiciano (81-96 d.n.e.) e a posteriori adopación de Traxano como emperador. A súa obra, e especialmente «Germania» pode entenderse como un posicionamiento pragmático fronte aos réximes autoritarios e á defensa dunha política romana expansiva. «Germania» foi publicada no ano 98, un ano despois da adopción de Traxano por Nerva e nun momento de guerra e expansión contra os bárbaros. Deste xeito, a obra é tanto un tratado de etnoloxía para coñecer mellor aos inimigos de Roma como unha defensa da política de Traxano. En tanto que tratado de etnoloxía, e segundo Greg Woolf, autor de Tale of the Barbarians, a «Germania» tiña moito que ver coas propias ansiedades da identidade romana do momento. Tratábase entón de un espello da civilización romana (a mirror of civilization) máis que un estudo en profundidade sobre as tribus xermánicas, que, de feito, coñecía fundamentalmente a través de fontes secundarias e entrevistas con soldados romanos.
Como toda obra de etnoloxía, basease nunha simplificación, feita para os lectores romanos, de pobos de configuración moi complexa e sobre os que Tácito tiña sobre todo datos indirectos fundamentalmente de Plinio o Vello ou Heródoto. Deste xeito, é importante ter en conta que no todo o dito por Tácito corresponde con toda a realidade. Porén, e ao mesmo tempo, todo o que di é un reflexo, aínda que sexa parcial, desta realidade.
Tácito menciona en varias ocasións aos «suevos», sobre todo no seu capítulo 38. Deles menciona que «non constitúen unha única nación» e que «están divididos en pobos cos seus propios nomes, aínda que reciben a nomeación xenérica de suevos». Entre estes suevos distingue varios tipos, como os semnones, os hermunduros, os naristos, os marcomanos e os cuados, entre outros. Xeográficamente os sitúa na parte leste e norte de Xermania, aínda que, como todo pobo desde o punto de vista romano, eran moi móbiles. Así, o que podemos interpretar é que o termo «suevo» designaba a moitos pobos e tribus distintas baixo unha caracterización xeográfica, a Suabia. En calquera caso, un termo moito máis xenérico e vago con respecto a outros autores posteriores, que designarían de xeito máis concreto a pobos e personas que xa non serían as xentes a conquistar, senón os conquistadores.
Tradicionalmente, dentro do que chamamos a historia positivista, a historia é feita polas elites e constrúese a través dos grandes feitos como as batallas, os reinados ou as relacións diplomáticas. Nesta forma «elitista» de ver a historia, as clases baixas e os grupos subalternos non adoitan xogar un papel relevante. De feito, ás veces son totalmente ignoradas ou teñen papeis moi pasivos no desenvolvemento da historia. Este é o caso do campesiñado. O recentemente falecido Theodor Shanin, un dos teóricos do campesiñado máis importantes do século XX, falaba da «clase incómoda» para referirse a este papel pasivo pouco valorado pola investigación ou polas políticas sociais. O razoamento é sinxelo: se o campesiñado só pode xogar un papel pasivo entón debe ser superado mediante políticas activas. Sigue leyendo «A relevancia do campesiñado após a fin do Imperio Romano en Occidente»→
¿Qué es «Sputnik Labrego»?
En novembro do ano 1957 a cadela Laika foi lanzada ao espazo un mes despois do satélite Sputnik 1, iniciando unha carreira que duraría máis de 30 anos entre os dous estados máis poderosos do mundo. Uns meses despois de que Laika tivera a honra de ser o primeiro ser vivo en orbitar arredor do noso planeta, os habitantes dunha aldea próxima a Salcedo (Lugo) realizaron a súa propia homenaxe á cadela espacial (leer más).