Escavar no xacemento de O Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) foi para nós un auténtico privilexio. Non só pola espectacularidade do sitio, cousa que xa comentamos noutros posts e seguiremos comentando no futuro, mais pola amabilidade e compromiso da xente do lugar, o seu concello e aqueles que, como Pepe o das Pedras ou Santiago Ferrer, foron os salvagardas dun xacemento arqueolóxico único. Sempre dicimos que na comarca de Valdeorras hai un sentimento moi especial no que ao patrimonio e á historia se refire e que grazas a iso, e ao devandito compromiso, poderemos volver un ano máis para desvelar novos segredos deste sitio. Porén, xa son moitas as cousas que podemos dicir sobre Valencia do Sil e sobre a estrutura social e económica dos seus habitantes.
A primeira campaña de escavación no xacemento dirixiuse cara a escavación dunha estrutura atopada polo grupo dos «Escarbadores» e traballada parcialmente. Atópase no sector sueste do sitio, relativamente apartado do sector soméstico e o que se vía antes da nosa escavación era unha estrutura rectangular de grandes dimensións pechada por un muro para a instalación dun viñedo, seguramente en época moderna. O dato máis interesante é que a estrutura conservaba restos de morteiro de cal que recubría as paredes e, aínda que moi perdida, tiña restos de pintura, o que significa que, orixinalmente, esta estrutura estaba cuberta cun estuco pintado. Noutras palabras, que podía ser un edificio cun alto status social.
A resposta parece que non está moi lonxe desta hipótese. Dados os obxectivos específicos da campaña, decidimos escavar só unha sondaxe no interior da estrutura. A nosa intención era non só poder determinar a potencial natureza e función desta estrutura, mais tamén recoller distintos tipos de mostra que poidesen proporcionar datos de interese para a interpretación do sitio. Así, puidemos escavar parte desta estrutura ata o seu solo orixional, que resultou ser do que chamamos opus signinum, un tipo de material moi característico de época romana feito a partir de tella partida mesturado con cal e despois pisada fortemente. De novo, a presenza deste tipo de solo indicaba a natureza, digamos, especial desta estrutura. Poren, este tipo de solo foi atopado tamén no sector doméstico, polo que dá unha certa coherencia temporal aos dous sectores.
A escavación deste sector chamounos a atención por varias razóns. A primeira foi que, ao contrario do que ocorría no sector doméstico, nesta parte do xacemento o material arqueolóxico era moi escaso. Aínda que atopamos bastantes ancos de cerámica, a súa cantidade e a súa calidade eran moi distintas ao que sabiamos deste sitio. Unha segunda cousa que chamoi a nosa atención foi que, nos niveis inferiores da estrutura, aparecía moito material de escouras de metal, mineral de metal e unha importante cantidade dun material que, aínda que parecía escoura, tiña un aspecto algo distinto.
Con estes datos, decidimos realizar algunhas analíticas específicas para determinar que tipo de material tiñamos entre mans. Así, mandamos as mostras ao Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana, un centro de referencia a nivel internacional onde o noso compañeiro David Larreina, experto na historia do traballo do metal, se encargaría de facer as analíticas. Neste caso fixemos analíticas do que se chama Microscopía Electrónica de Barrido (SEM) así como unha análise con microscopio de gran resolución.
Os resultados son moi claros: nesta parte do xacemento do Castelo tiveron lugar actividades relacionadas co traballo do metal, moi posiblemente do ferro, como mostraban as analíticas sobre o mineral que atopamos. Doutra banda, e aínda que requerimos de máis analíticas, o material estraño podería ser parte dunha estrutura para a forxa do metal. Todo isto indica claramente a presenza dun sector de produción de metal, o que significa que a sociedade de Valencia do Sil no século IV d.n.e. tiña unha importante complexidade en termos sociais e económicos, moi lonxe de sociedades inestables e de corta duración.
E este ano, moitísimas máis cousas.