Tácito, a etnoloxía antiga e os suevos no século I d.n.e.

Un dos debates máis importantes que se desenvolveu nas últimas décadas no campo da historia e a arqueoloxía da Alta Idade Media é a cuestión das etnias. En resumo, este debate artéllase en torno á importancia e o papel que xogou a identidade étnica na constitución dos reinos pos-romanos. Aínda que hai moitas posicións ao redor deste debate, dúas son as que polarizaron as distintas achegas. A primeira di que a etnicidade é fundamental para comprender o desenvolvemento das sociedades desde a crise do século III no Imperio Romano en adiante. Deste xeito, as persoas e os grupos sociais estarían moi determinados pola etnia á que pertencería. A segunda posición defendería que a etnicidade é unha construción social e que se utilizaría en cada contexto histórico de xeito distinto. Unha posición intermedia, defendida por autores como Reinhard Wenskus ou Walter Pohl, diria que as etnias teñen un proceso de xurdimento, ou etnoxénese, que constitúe un nivel de identidade social e política fundamental no período de emerxencia dos reinos pos-romanos.

No caso da historia do noroeste peninsular, a emerxencia e consolidación do reino suevo está en estreita ligazón con estes debates sobre as etnias. Segundo Hidacio, suevos, vándalos e alanos entrarían na península ibérica no ano 409 e, tras unha posterior guerra contra os visigodos, aliados de Roma, só os primeiros sobrevivirían en solo hispano ata a súa conquista definitiva no ano 585. Neste ano, os suevos integraríanse na sociedade hispano-romana.

Mais, quen eran estes «suevos»? Quen eran estas persoas que entraron en Hispania no ano 409? Tradicionalmente, a historia ligou estes suevos do século V d.n.e. coas etnias do centro de Europa das que falaban os antigos etnógrafos romanos. Para analizar este complexo tema é preciso entender de que falaban estes etnógrafos e en que contexto o facían. Neste e nos seguintos posts faremos unha análise sobre a imaxe que dos suevos e das etnias antigas tiñan distintos autores de xeito que poidamos entender os acontecementos que tiveron lugar no século V d.n.e.

Tácito

Un dos autores máis influentes na construción da idea que temos dos suevos é Tácito e o seu libro «Germania». Tácito é un autor romano nacido no ano 56 d.n.e. probablemente na Galia Narbonense (Francia do surleste). A súa vida como escritor e como político (xa que foi cónsul) estivo moi determinada polo réxime despótico de Domiciano (81-96 d.n.e.) e a posteriori adopación de Traxano como emperador. A súa obra, e especialmente «Germania» pode entenderse como un posicionamiento pragmático fronte aos réximes autoritarios e á defensa dunha política romana expansiva. «Germania» foi publicada no ano 98, un ano despois da adopción de Traxano por Nerva e nun momento de guerra e expansión contra os bárbaros. Deste xeito, a obra é tanto un tratado de etnoloxía para coñecer mellor aos inimigos de Roma como unha defensa da política de Traxano. En tanto que tratado de etnoloxía, e segundo Greg Woolf, autor de Tale of the Barbarians, a «Germania» tiña moito que ver coas propias ansiedades da identidade romana do momento. Tratábase entón de un espello da civilización romana (a mirror of civilization) máis que un estudo en profundidade sobre as tribus xermánicas, que, de feito, coñecía fundamentalmente a través de fontes secundarias e entrevistas con soldados romanos.

Como toda obra de etnoloxía, basease nunha simplificación, feita para os lectores romanos, de pobos de configuración moi complexa e sobre os que Tácito tiña sobre todo datos indirectos fundamentalmente de Plinio o Vello ou Heródoto. Deste xeito, é importante ter en conta que no todo o dito por Tácito corresponde con toda a realidade. Porén, e ao mesmo tempo, todo o que di é un reflexo, aínda que sexa parcial, desta realidade.

Tácito menciona en varias ocasións aos «suevos», sobre todo no seu capítulo 38. Deles menciona que «non constitúen unha única nación» e que «están divididos en pobos cos seus propios nomes, aínda que reciben a nomeación xenérica de suevos». Entre estes suevos distingue varios tipos, como os semnones, os hermunduros, os naristos, os marcomanos e os cuados, entre outros. Xeográficamente os sitúa na parte leste e norte de Xermania, aínda que, como todo pobo desde o punto de vista romano, eran moi móbiles. Así, o que podemos interpretar é que o termo «suevo» designaba a moitos pobos e tribus distintas baixo unha caracterización xeográfica, a Suabia. En calquera caso, un termo moito máis xenérico e vago con respecto a outros autores posteriores, que designarían de xeito máis concreto a pobos e personas que xa non serían as xentes a conquistar, senón os conquistadores.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s