A materialidade das estrelas: a arqueoloxía de Hollywood

Ata moi recentemente se entendía que a arqueoloxía só podía estudar castros preromanos, xacementos paleolíticos ou murallas medievais. Isto era o lóxico, se a arqueoloxía se dedicaba ao estudo dos monumentos das sociedades do pasado, alí onde os documentos non chegaban, entón só había posibilidade de escavar este tipo de sitios. Porén, nas últimas décadas xerouse unha importante reflexión sobre as capacidades analíticas da arqueoloxía que provocou a expansión dos campos de traballo desta disciplina. Unha das consecuencias máis interesantes deste reflexión foi definir a arqueoloxía como a disciplina que analizar a complexa relación que establecen as sociedades humanas cos obxectos. Desde este punto de vista, a arqueoloxía non quedaría reducida aos períodos máis afastados do presente, mais a calquera periodo incluído o presente mesmo.

A partir desta mudanza, xurdiron moitos estudos arqueolóxicos enfocados a analizar as materialidades máis actuais, o que se chamou a arqueoloxía do pasado contemporáneo. Estudos que procuraban coñecer mellor procesos como a imposición da modernidade ou os conflitos contemporáneos desde o punto de vista da arqueoloxía. Un espectacular exemplo deste tipo de estudos é o «Garbage project», iniciado en 1973 na cidade de Tucson (EEUU) polo arqueólogo William Rathje e cuxo obxectivo foi estudar os patróns do consumismo nas cidades modernas a través do estudo do lixo dun vertedoiro. Un incrible proxecto do que falaremos noutro post.

Neste caso falaremos doutro estudo saído desta tendencia da arqueoloxía do pasado contemporáneo. Trátase do libro «The Archaeology of Hollywood» publicado polo profesor Paul G. Bahn en 2014, e que resume a súa análise da cidade central do cine mundial desde un punto de vista arqueolóxico. O arqueólogo británico parte da hipótese de que existe unha auténtica «cultura de Hollywood» cunha materialidade moi específica que pode ser analizada. Máis aínda, desde a arqueoloxía pode demostrarse que, mesmo que a cultura castrexa, a cultura de auxe -a ideade de ouro de Hollywood- que foi voluntariamente obliterada polas «culturas» posteriores.

Construído sobre restos prehistóricos, Hollywood naceu dunha granxa familiar que despois foi comprada para instalar a meca do cine. En 1903 Hollywood converteuse oficialmente na «Cidade de Hollywood». Isto ocorreu nun momento no que a industria do cine nos Estados Unidos de América se encontraba en plena expansión, desde que foi patentado polos irmáns Louis e Auguste Lumière un 28 de Decembro de 1895. Pronto a cidade de Hollywood foi elixida polos grandes industriais do momento como centro de operacións para a «fábrica dos soños». A devastación da Primeira Guerra Mundial provocou que o centro da produción de cine mundial fose para América.

A enorme expansión que tivo a cidade nos anos 20 e 30 xerou unha materialidade moi particular que incluía os grandes estudos de produción, teatros con forma de pirámide exipcia ou os primeiros decorados monumentais, como aquel que simulaba a cidade de Babilonia na película «Intolerancia» de David W. Griffith. Decorados, estudios e teatros que, causado pola desidia posterior, son moitos actualmente aparcadoiros para coches. Outra materialidade moi interesante son as casas dos grandes artistas, como a de Charles Chaplin, que tamén foi o seu estudio de produción principal. Tamén os hoteis xogaron un papel moi relevante na configuración da cultura de Hollywood, sobre todo polas escabrosas historias e festas que tiñan lugar nestes edificios. E como as estrelas tamén morren, os cemiterios de Hollywood, como xacementos contemporáneos, atraen decenas de miles de visitantes na procura de tumbas como a de Rodolfo Valentino ou a de Marilyn Monroe.

O libro de Paul Bahn é un traballo sinxelo pero moi potente que mostra que a arqueoloxía é moi capaz de analizar incluso as sociedades máis recentes, aquelas que quizais, din moito máis sobre nós mesmos.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s