Unha versión estendida destas reflexións pode verse en: Tejerizo García, Carlos, Alonso Toucido, Francisco, y Torres Iglesias, Diego (2021): «Cerámicas del interior de Galicia desde el tardoimperio a la Alta Edad Media (s.V-X/XI d.n.e.): algunos casos de estudio» Pyrenae, 52, 2: pp. 149-185.
Xa comentabamos noutros posts a importancia da cerámica para as sociedades pre-industriais. Isto é, incluso, máis verdade no caso das sociedades labregas, tanto no pasado como no presente. Aínda que a modernidade e a industrialización provocaron a desaparición de moitas artesanías tradicionais, algunhas permaneceron ata hoxe, mostrando a súa importancia económica e simbólica para as sociedades labregas. Un exemplo é a olería tradicional da comuna chilena de Pilén, na rexión de Maule, no centro do país. Nesta comuna a olería é un dos piares económicos, mantido polas mulleres da comunidade. Unha lenda local conta que un día un labrego e a súa filla levaron os bois a beber auga. Alí o labrego deixou a filla cos animais, e esta viu como os camaróns construían a súa casa con lama, que apilaban coas súas pinzas. A nena, para imitar aos animais, colleu un pouco de barro e fixo unhas pequenas macetas, iniciando así a longa tradición de oleiras en Pilén.

Aínda que coas lóxicas diferenzas, hai que pensar que a produción cerámica xogaría papeis similares nas sociedades altomedievais en Galicia. De feito, as mudanzas máis significativas no rexistro cerámico pensamos que teñen que ver coa maios importancia que tiveron as sociedades de tipo campesiño tras a fin do Imperio Romano.
Como xa comentamos no anterior post, a característica máis salientable da cerámica do século VI d.n.e. é a progresiva maior cantidade de producións grises nos contextos. Ademais, o que se detecta é unha simplificación moi significativa das cadeas tecnolóxicas, sobre todo en comparación coas cerámicas típicas da fin do Imperio Romano. Tanto as formas como as decoracións son cada vez máis sinxelas, aínda que se conservan algunhas características que permiten diferenciar as producións de máis calidade, como as decoracións brunidas ou o uso de areas mellor depuradas. Ata mediados do século VI atopamos nos contextos as últimas imitacións de sigillata, que, como vimos, foron producións típicas desde a segunda métade do século V.

Durante o século VII o que se observa é unha tendencia á intensificación nas características que xa vimos no século anterior. Nos contextos a importancia das cerámicas grises é cada vez maior. En contextos que podemos datar nestes momentos, como o de Casanova (Castromaior, Lugo) as producións grises son máis do 80% do total das cerámicas atopadas no sitio. Ademais, o tipo de formas documentadas son cada vez máis homoxéneas. A medida que avanza o século VII, e sobre todo no século VIII, son máis raras as cuncas e os pratos. Formalmente o máis común é atopar xerras é, maiormente, olas.
Outra característica importante dos conxuntos cerámicos deste momento é a ausencia case total de producións importadas, con especial mención ás ánforas. Como ben estudou Adolfo Fernández no contexto do porto de Vigo, a importación de produtos do Mediterráneo é cada vez menor, o que implica que a chegada de ánforas a Galicia desaparece progresivamente.

Porén, a característica máis importante das producións cerámicas dos séculos VII e VIII, e que continuará practicamente ata o século XII, é a presenza, cada vez maior, de producións feitas mediante o uso do chamado «torno lento» ou «torneta», ou torno baixo. O torno baixo é un sistema de produción oleiro que consiste nunha pedra unida a outra mediante un pau que permite a rotación da pedra de enriba, onde se fai a cerámica. Isto implica rotacións da cerámica máis lentas, o que se observa moi ben cando temos a peza completa. Esta mudanza tecnolóxica é un dos elementos fundamentais da produción cerámica deste momento e que foi interpretada como unha consecuencia da redución das escalas económicas e a maior importancia das comunidades labregas, que asumen a produción da maior parte das cerámicas utilizadas nas aldeas.