«Continente salvaje» de Keith Lowe. A violencia após a fin da Segunda Guerra Mundial

O século XX caracterizouse pola demostración dunha violencia nunca antes coñecida pola humanidade. Só as dúas guerras mundiais provocaron de xeito directo, máis de 100 millones de mortos, máis de dúas veces a poboación actual do reino de España. Ademais, habería que sumar todos os conflitos máis pequenos, a represión dos réximes ditatoriais ou as mortes e violencia provocada polos desprazamentos de persoas. Como dixo o cantautor Javier Krahe: «acuérdese el XXI / de lo que sido del XX, / qué fracaso, / muerto a los noventinueve / que ni llegó a ser un siglo / por payaso».

Porén, se hai un acontecemento que quedou gravado na memoria colectiva como violenta foi a Segunda Guerra Mundial. A confrontación bélica contra o fascismo italiano, a Alemaña nazi e o réxime autoritario de Xapón provocou cotas de violencia e niveis de sangue que aínda hoxe é moi difícil de calibrar. E non só foron as confrontacións nos campos de batalla, senón tamén as terribles imaxes dos campos de concentración nazis. Campos que representan a culminación do horror humano. «Escribir poesía após Auschwitz é un acto de barbarie» diría o filósofo e sociólogo alemán Theodor Adorno.

O 8 de Maio de 1945 asinouse a capitulación de Alemaña, e o 2 de Setembro do mesmo ano declarouse o final da guerra tras outro acto de barbarie como foi o lanzamento das bombas nucleares en Hiroshima e Nagasaki. O mundo respirou por primeira vez en moito tempo. Finalmente chegaría a paz e o final da violencia… ou non.

O libro «Continente Salvaje. Europa após a fin da Segunda Guerra Mundial» do historiador británico Keith Lowe parte da premisa de que o final da guerra non implicou o final da violencia. Todo o contrario, desatou moitas outras, algunhas antigas e outras máis novas. Como el mesmo di: A historia de Europa no período inmediato de posguerra non é, entón, e sobre todo, unha de reconstrucción e rehabilitación – é en primeiro lugar unha historia da caída na anarquía».

O libro, publicado pola primeira vez en inglés no ano 2015 e traducido ao castelán en 2016 pola editorial Galaxia Gutenberg, ten como obxectivo analizar toda a violencia posterior á Segunda Guerra Mundial no solo europeo. Aínda que os primeiros capítulos tratan sobre os danos materiais e as paisaxes de ruína que caracterizaron a Europa de posguerra, o groso do libro céntrase na violencia humana que foi común ata ben entrados os anos 50.

Como comenta o autor mesmo, a anarquía foi o estado normal das cousas, o que provocou unha enorme violencia contra os máis débiles, como foron as mulleres e os nenos. Nos meses posteriores á guerra, as violacións de mulleres foron un aspecto moito máis común do que a historia oficial quere recoñecer, e milleiros de nenos quedaron orfos o tiveron que fuxir dos seus fogares. Por outra banda, unha gran violencia desatouse contra aqueles que perderon a guerra. Os alemáns, mesmo os soldados como os civís, recibiron todo o odio e a violencia que eles mesmos protagonizaron durante a guerra. Paradoxalmente, moitos dos campos de concentración foron utilizados para ter detidos aos antigos soldados nazis, que foron vixiados, nalgúns casos, polos antigos capturados nos campos.

Outro tipo de violencia desatada tras a contenda bélica foi a violencia étnica. Países como Polonia ou Iugoslavia, ou rexións como Voivodina foron escenario de enormes represións, torturas e asasinatos. Para o autor, o final da Segunda Guerra Mundial implicou unha perda de mestura étnica que caracterizou a Europa no século XIX e a primeira metade do século XX. Finalmente, un novo ciclo de guerras civís, como no caso de Grecia, o a emerxencia de novos gobernos, como o de Romanía, implicaron tamén grandes cotas de violencia e de sangue.

En momentos de crise, é importante lembrar, xunto co historiador británico, que a violencia é moi doada de desatar, pero moi difícil de parar.

Deja un comentario