Texto de Laura Martínez Panizo
Fai uns días, parte das Sputniks desprazámonos até o Norleste da península para coñecer de primeira man algunhas das paisaxes da Guerra Civil. Na comarca dos Monegros, rexión natural no val do Ebro que divide as provincias de Huesca e Zaragoza, estableceuse de norte a sur a chamada Fronte de Aragón, cúa espiña dorsal sería a Sierra de Alcubierre. Esta liña de guerra permanecería practicamente estable durante casi dous anos dende xullo de 1936, implicando a toda a poboación civil da zona, que se veu obrigada a organizarse de maneira eficaz para pórse ao servizo da fronte.
En base ao proxecto «Amarga Memoria» que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do Goberno de Aragón promoveu entre os anos 2004 e 2011, creouse «Lugares de Memoria», cuxo obxectivo foi a identificación, localización, recuperación e revalorización do Patrimonio Histórico relacionado ca Guerra Civil nesa comunidade. Grazas a cooperación entre as distintas administracións e a implicación social, esta iniciativa conseguiu recuperar os vestixios máis relevantes do seu pasado recente.
No ano 2006 abriría as súas portas o Centro de Interpretación da Guerra Civil en Aragón, abicado nas antigas escolas da localidade de Robres (Huesca). Conta cunha mostra permanente que recolle boa parte da historia do pasado século, dende a II República, pasando pola Guerra Civil, a Ditadura e o Exilio. Todo mediante paneis, fotos, documentos, prensa orixinal da época e obxectos recuperados, así como diferentes audiovisuais que axudan a comprender e coñecer esa parte da historia.
Dende o centro, fan visitas guiadas as trincheiras rehabilitadas na Sierra de Alcubierre, que tamén poden ser visitadas libremente, pois os puntos de interese están perfectamente sinalizados e con paneis explicativos. No noso caso fumos a chamada «Ruta Orwell» e «Las Tres Huergas»
O escritor e periodista inglés George Orwell participou como voluntario da República alistándose nas milicias do POUM (Partido Obrero de Unificación Marxista) e no ano 1937 foi destinado a fronte de Monegros. Seguindo seu relato na obra «Homenaje a Cataluña», foron recuperadas trincheiras, búnkeres, postos de ametralladora e outros elementos característicos dunha fronte de guerra. A «Ruta Orwell» está na posición chamada Monte Irazo, e para acceder a ela hai que seguir a sinalización do km 34,6 da A-129 Zaragoza-Sariñena.
Nas Tres Huergas o que se rehabilitou foi un vivac ou zona de refuxio na liña de avanzada do exercito franquista. Trincheiras, refuxios de pelotón, zona de cociñas, covas, alxibes e unha enorme cruz aos caídos na «gesta de San Simón», son algunhas das cousas que se poden visitar neste escenario bélico. Para chegar hai que seguir a indicación do km 33,5 da mesma estrada.
Accións deste tipo non so axudan a fortalecer a memoria colectiva dos lugares e restañar ese pasado moitas veces traumático, senón que ademais están servindo como elementos dinamizadores e de desenvolvemento para ese entorno, pois o número de visitantes que se achegan a Comarca de Monegros interesados en coñecer esta realidade non deixa de medrar.
Para máis info:
http://www.losmonegros.com/sitios/guerracivil/principal.html
http://www.patrimonioculturaldearagon.es/ruta-vestigios-de-la-guerra-civil-y-la-posguerra
https://www.turismodearagon.com/ficha/ruta-orwell-y-centro-de-la-guerra-civil-en-robres/