(Texto escrito por Francisco Alonso Toucido, Tempos Arqueológos)

A arqueoloxía tradicional adoitou centrarse en época e contextos vinculados ao mundo romano ou prehistórico, deixando nun primeiro momento aos períodos medievais e postmedievais nun segundo plano. A existencia dun maior número de documentación escrita para estes momentos fixo que se considerara erroneamente a súa arqueoloxía como pouco necesaria. O que non se tiña en conta dentro destas premisas é que as fontes documentais adoitan ser parciais e contar con omisións ou mencións intencionadas que fan complexa a súa crítica e aproveitamentos históricos. Mentres que a arqueoloxía a través da materialidade presenta un rexistro difícil de manipular, chegando a aspectos non recollidos na documentación ademais de preservar os materiais arqueolóxicos para a posteridade a través do seu estudo e depósito nos museos.
Se o anteriormente exposto acontecía para cronoloxías modernas e medievais, no estudo da Idade Contemporánea dende perspectiva arqueolóxica, queda moito por andar. No caso da memoria democrática, a proximidade cronolóxica deste momento provocou que se estudase dende unha perspectiva xornalística ou das ciencias políticas nun inicio, pero por sorte as ciencias históricas, nun primeiro momento a historia documental e posteriormente a historia da materialidade, é dicir a arqueoloxía.

No caso concreto da escavación de fosas de vítimas da represión do golpe de estado e franquismo o traballo arqueolóxico debe ser se cabe máis exhaustivo que nunha escavación ao uso, posto que estase a documentar o escenario dun crime. A tarefa é inxente posto que se conta cun grande número de vítimas desta represión, en torno a 150.000 persoas, en escenarios variados, cunetas, campo santos, lugares aleatorios, etc, en toda a península ibérica. Ata o ano 2021 o estado non se comprometeu en serio coa tarefa de recuperación destas vítimas dun golpe de estado, perpetrado por representantes militares dese mesmo estado e dunha ditadura que foi identificada como o propio estado español, sendo por tanto responsabilidade do mesmo a recuperación e dignificación das vítimas.
Ante a inacción oficial a obriga moral da recuperación foi asumida por familiares dos represaliados e diferentes asociacións de memoria histórica que, en moitos casos, ante a premura necesaria debido a escaseza de medios e ante a paulatina morte dos familiares inmediatos dos represaliados fillos, fillas, netos e netas primaban a recuperación dos corpos fronte a documentación e estudo dos mesmos e o seu contexto. En moitos casos os materiais arqueolóxicos que se constataban nestas escavacións foron ou ben entregados ás propias familias dos represaliados ou ben desbotados ante a non recollida dos mesmos polos museos arqueolóxicos. Estas accións non teñen en conta que a materialidade que se documenta nestes contextos son elementos de evidencia directa da represión, cargados de importancia histórica e por tanto deberían ser preservados para a posteridade. Para tal feito compre a súa catalogación como patrimonio arqueolóxico e a súa entrega aos museos encargados de preservar os materiais do pasado. E máis tendo en conta a escasa presencia nos museos ibéricos de materiais expostos que evidencien a represión das dúas ditaduras da pel de toro. A presenza das evidencias da guerra civil e ditadura de maneira común nos museos sería un paso máis de cara á normalidade política que toda democracia precisa.