Hidacio, bispo de Chaves, e a etnicidade como política

Como xa vimos no post dedicado a Tácito, para entender o papel específico que xogou a etnicidade nos momentos finais do Imperio Romano é imprescindible contextualizar a información que sobre os pobos xermánicos nos dan os seus protagonistas. No caso de Tácito, como comentamos, a información que dá sobre estes pobos está moi determinada non só polos patróns clásicos da etnoloxía, sobre todo de Plinio o Vello, senón tamén pola intención de Tácito de enxalzar a chegada ao poder de Traxano tras o réxime despótico de Domiciano. Deste xeito, a visión de Tácito sobre, por exemplo, os suevos, é unha imaxe moi xenérica e estereotipada, moi relacionada cos lugares comúns da etnoloxía romana.

Porén, se hai un personaxe histórico que viviu directamente o contacto con estes pobos xermánicos e deixou testemuño escrito, ese é Hidacio, cuxo Cronicón, grazas ao traballo de César Candelas Colodrón, temos traducido ao galego. Sobre a figura histórica de Hidacio temos moi pouca información. Non se sabe exactamente cando naceu, pero se calcula que pode ser entre o 388 e o 400 nunha cidade da comarca da Alta Limia. Cando era neno, fixo unha importante viaxe a Terra Santa, onde debeu coñecer a personaxes centrais do momento, como San Xerome, que impactou moito na súa obra posterior. Grazas á súa posición política e social, moi posiblemente vinculada coa familia do emperador romano Teodosio, conseguiu chegar a ser bispo de Chaves. Neste momento histórico, os bispos gañan moito poder político sobre as comunidades locais, o que implicou que Hidacio ocupase un posto de relevancia no contexto político do noroeste. Así, nun momento caracterizado pola desintegración do Imperio Romano e a emerxencia do reino Suevo, Hidacio preséntase como un dos intermediarios e diplomáticos máis importantes entre as antigas aristocracias romanas e os novos axentes políticos suevos. Deste xeito, para entender tanto a figura de Hidacio como o relato do seu Cronicón, é fundamental contextualizalo cos seus intereses políticos e sociais. Como di César Candelas Colodrón: «Hidacio exercerá o seu poder como un home de clase. Esa consciencia de pertenza a un grupo social privilexiado e interesado na mudanza das circunstancias guiará os seus pasos nunha actuación cunha finalidade que non é outra que a salvagarda dos seus intereses e os dos seus».

Pouco se sabe da escrita efectiva do Cronicón, pero autores como Pablo Cruz Díaz pensan que a súa redacción debeu comezar xa avanzado o século V d.n.e. A derradeira entrada no Cronicón data de 468, ano no que debeu morrer o bispo de Chaves. O libro consigna os eventos máis importantes de cada ano, con especial incidencia ao que sucede na provincia de Gallaecia, onde vive o bispo. Como é evidente, o maior peso da obra é a descrición dos problemas políticos no noroeste coa entrada dos suevos, vándalos e alanos no ano 409 e a súa instalación no ano 411, e, posteriormente a emerxencia política do estado suevo. Unha das particularidades da obra é a importancia que lle dá Hidacio aos fenómenos e milagros naturais, o que foi lido como unha reminiscencia das crenzas pagás. Precisamente, a derradeira entrada no seu Cronicón di que:

A penas uns meses despois, preto o devandito municipio, caeu do ceo un determinado tipo de grans tan verdes coma a herba, con forma de lentella e moi amargos. E outras cousas asombrosas que serían moi longas de contar.

A comparación do tratamento dos suevos como pobo que fai Hidacio con outros autores como Tácito é interesante. Mentres que para Tácito xentes como os suevos son vistas desde a distancia e con vaguidade, para Tácito son xente moi presente e real. O obxectivo de Hidacio non é facer unha descrición etnolóxica sobre eles, senón describir o que considera son os males que estas xentes fan ao antiga orde establecida. A súa intención é deixar constancia dos avatares do seu tempo, sempre desde a mirada de alguén que ve perdida a virtude no presente fronte a un pasado romántico. É por iso que os suevos aparecen sobre todo na súa faceta militar, como axentes do caos e do mal. No Cronicón, os suevos basicamente provocan ataques e saqueos, desestabilizando a antiga orde imperial. Porén, Hidacio tamén presenta a importante faceta política dos suevos, elites militares que acaban por formar un poder político estable co que o mesmo Hidacio ten que negociar. Lonxe de ser unha etnia pechada, os suevos de Hidacio son un grupo de presión militar e política produto da fin do Imperio Romano en Occidente.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s