«O exército de fume» de Manuel Gago (Xerais, 2018) ou a creación dos heroes gallegos

– Ramallo, non sei se lle importa ou non, pero teño que dicirlle unha cousa. Vostedes serán uns heroes. Algún día os nenos esudaranos na escola…

Ramallo pensou, Por que aquel home dicía que ían ser heroes? Que heroes houbera en Galicia? Non recordaba ningún. Á entrada de Carral ergueran un monumento a uns mártires do século pasado, que el vía sempre cando ía para A Coruña e paraba a tomarlle unha cunca nunha taberna da praza. Uns soldados, seica, aos que fusilaran. Viuna moitas veces. Pero el non lembraba os nomes daqueles mártires. Ninguén falaba deles. En Galicia os heroes non teñen nome. Case mellor non ter nome nin apelidos, cando se é un heroe en Galicia, pensou el

A memoria da guerrilla antifranquista é unha memoria polémica e moi esquecida. A súa historia, chea de vontades persoais, actos de valentía, traizóns e intereses políticos, fixo que fora una etapa moi incómoda. Deste xeito, non son moitas as novelas que confrontan esta complicada parte da nosa propia historia. E a maioría deles, coma «Luna de lobos» de Julio Llamazares, «El año del wolframio» de Raúl Guerra Garrido ou «El lector de Julio Verne» de Almudena Grandes, mostra a parte máis individual e illada do fenómeno guerrilleiro; aquela que confrontou aos diferentes homes e mulleres co salvaxe, coa súa propia supervivencia. Historias separadas dun contexto que lles dio un sentido máis lá do particular.

A última novela de Manuel Gago «O exército de fume» é unha excepción a esta tendencia. Dun lado, confronta as complexidades da historia da guerrilla de xeito directo, con toda a súa problemática e as súas escuridades. Persoas reais con dúbidas, temores e tamén firmes vontades determinadas polo fin da Guerra Civil e os difíciles anos de posguerra. Doutro lado, a novela inserta estas historias persoais dentro da complexa trama da Historia con maiúsculas nos anos de desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial. Personaxes que son en realidade pezas dun crebacabezas máis grande que eles mesmo, pero imprescindibles para comprendelo en toda a súa inmensidade.

A trama préstase, sen dúbida, a este obxectivo. No ano 1942 a loita guerrilleira está nun momento de apoxeo. Camilo, membro do Partido Comunista e pseudónimo novelado de Gómez Gaioso, e enviado para converter a dispersa guerrilla nun exército regular. Ramallo, personaxe que recorda a Foucellas, é un guerrilleiro de gran sona e valentía que non quere someterse á disciplina de Camilo. Entre eles, as accións bélicas dos alemáns en Galicia, que inclúen a construción de bases marítimas para apoiar os seus submarinos durante a Segunda Guerra Mundial e os británicos, que queren impedir por todos os medios que os alemáns poidan gañar a guerra grazas a neutralidade asimétrica de Franco. Unha trama internacional que salpica a outras personaxes (a mestra Celia utilizada como espía polo seu pai, Emilio; ou Lugrís, un pintor contratado polos nazis para pintar un cadro no seu fogar de Vigo) na que os dous guerrilleiros terán que tomar posicións e mostrar o que significa ser un heroe en tempos difíciles.

Unha gran novela sobre uns tempos que estaban destinados a ser esquecidos pero que, como a momia, volven do pasado para irromper coa súa sombra no presente.

E, finalmente, unha mención a nosa querida Ciudad de la Selva:

Ramallo sabía onde agacharse con tranquilidade e pensar devagar os seguintes pasos. Un lugar mítico, seguro, o último refuxio do que falaban algúns guerrilleiros coma se fose unha lenda. Perdido nas montañas orientais do país. O último bosque no que sobrevivía a República e ondeaba a bandeira dos libres, sen medo a morrer dun balazo, ser atrapado por unha covarde delación ou caer doente na lama dun camiño sen médico que te atenda. Alí, nos montes onde Franco non se atrevía a entrar e onde os guerrilleiros non se fiaban nin de Camilo nin dos seus. E neses montes había algo máis…

Os guerrilleiros agachábanse montaña arriba, no lendario refuxio de todas as resistencias do país, camuflado entre as árbores máis vellas de Galicia e os cumios máis altos. A aquel remoto refuxio, a última terra dos ceibes, chamábanlle a Cidade da Selva.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s