Materialidade feminina: As pegadas das mulleres na tardoantigüidade

Historiadoras como Henar Gallego Franco afirman que é moi difícil atopar un rexistro fiable da presenza feminina. Así mesmo, localizar dentro dos textos a importancia que tiveron dentro da sociedade na que viviron. Tanto é así que moitas delas foron atopadas dentro da historiografía coetánea cun carácter paternalista e transxiversado.  Lembremos que a historia é construída por homes a partir dunhas fontes misóxinas e androcéntricas. Polo tanto, como poderiamos atopar a presencia feminina das mulleres do rural nunha época tan importante para a historiografía da Galicia.

Na actualidade temos dúas formas de localizar ás mulleres dentro do contexto arqueolóxico: unha delas é mediante a análise dos restos mortais atopados e outra mediante a análise do espazo domestico. En Galicia apenas existe moito rexistro óseo das persoas desta época. Con todo, uns dos xacementos onde podemos atopar restos óseos da época é A Lanzada, en Sanxenxo, onde se datan arredor de 80 corpos dos cales a maioría pertencen á época tardorromana.  No obstante tamén temos moitas pegadas das mulleres no rexistro dos vivos nos espazos domésticos. O rexistro arqueolóxico dos castros galegos é moi abundante. De feito é o único que nos pode dicir como era a materialidade desa época. Nestes poden atoparse as respostas ás preguntas que a historiografía, non só galega senón tanto nacional como internacional, tardaron moito en contestar.

Polo tanto, cando vemos un castro observamos, a parte dun poboado fortificado, unha forma de organización social. A casa é a unidade mínima do Castro, e estas forman o que coñecemos como a unidade domestica. Este lugar é onde teñen sucedido as actividades máis importantes para o desenvolvemento da vida como o nacemento, a educación, a morte, as relacións sociais e a tecnoloxía. Todo iso refléxase na arquitectura, estruturas e obxectos, é dicir, na materialidade moldeada polo ser humano. Nestes espazos atopamos obxectos que son pegadas destas actividades como as pesas de tear, as fusaiolas, agullas, peites e, sobre todo, cerámica. Restos dunhas actividades cunha vida longa que foi enterrada baixo a terra e os anos.

Un castro, polo tanto, podería ser un obxecto de estudo perfecto para comezar a análise baseada nestas variables. Aínda que teremos que ter en conta as dificultades e os problemas subxacentes dentro destes xacementos como a falta de información contextualizada das primeiras campañas en castros dos anos 50/60, ou as remodelacións dentro da arquitectura domestica feita polos restauradores e restauradoras.

A partir destas afirmacións cabe preguntarnos, que ten que ver isto cas mulleres? A resposta é moi sinxela, en maior medida, en todas as culturas e sociedades, elas son as que reproducen as accións máis cotiás da vida, é dicir, o que as arqueólogas denominamos como “Actividades de Mantemento”. Este concepto alude a todo ese tipo de accións da vida cotiá que en palabras de Almudena Hernando, son un método pra reforzar vínculos existentes na sociedade e serven como medio  básico para a supervivencia do grupo.

Este tipo de actividades foron silenciadas polo xeito de que para a gran maioría da humanidade foron feitas por mulleres. E grazas aos novos avances e estudos de xénero dentro da investigación, hoxe sabemos que as Actividades de Mantemento constitúen unha parte esencial no progreso da humanidade. Estas inclúen a alimentación, a saúde e a hixiene, o acubillo, o benestar, a socialización dos membros do grupo, así como a manufactura téxtil, o acondicionamento e a organización do espazo. Para levalas a cabo é necesario un coñecemento tecnolóxico que pasa de xeración en xeración, de nais a fillas.

Hoxe en día seguen sendo elas, en maior medida, as que as realizan. Son o rexistro vivo na memoria colectiva. É o noso deber como arqueólogas non esquecer que sen elas non seriamos o que somos, xa que son este tipo de accións as que reproducen e fan as herdanzas culturais dun pobo.

Na arqueoloxía os elementos esenciais que nos permiten estudar ás mulleres e ós elementos que distribúen as estancias en canto a xénero son basicamente tres: a arquitectura, os obxectos e a etnografía.

A Arquitectura pode ser un elemento moi importante á hora de establecer como a distribución dos espazos, a materialidade coa que se fixeron ditos espazos e a disposición dos obxectos atopados, pode relacionarse coas identidades que os conformaron, é dicir, as persoas. Como era a sociedade, que facían, que tipo de elementos usaban e sobre todo como era a vida das mesmas no espazo analizado.

Outro dos elementos para estudar ás mulleres son os obxectos. Unha pesa de tear, unha fusaiola ou unha conta pode ser facilmente analizable dende o punto de vista do xénero. Estes son reflexo das actividades de mantemento e polo tanto permítennos saber algo máis das actividades do diario e da súa importancia para o desenvolvemento da vida dentro da comunidade que se quere estudar. A cantidade e as formas, o funcionamento ou o emprazamento, poden axudar a entender de que maneira se facían as mesmas, e como evolucionaron ata o que se coñece hoxe en día.

Tamén outro elemento é a etnografía é unha metodoloxía moi sinxela que aporta moita información para ver como a sociedade actual vive e convive co xacemento e de que maneira se senten identificados con esa parte da súa historia. Permite retrotraernos ao pasado e ver que tipo de actividades quedaron fosilizadas na tradición e na mente colectiva das persoas actuais. A etnografía é un elemento esencial para os estudos de xénero e  é unha forma de entender o pasado das poboacións rurais na Galiza.

Desta maneira, a arqueoloxía das mulleres faise patente nos castros, nas estruturas, nos obxectos, permitindo saber como era o pasado desas actividades que hoxe en día non se teñen en conta, e  que no pasado foron o alicerce fundamental da unión, interrelación e supervivencia das poboacións campesiñas e rurais. Estudándoas  daremos voz ás silenciadas, facendo que o reflexo das súas accións e o coñecemento do colectivo estea presente na nosa Historia.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s