Levamos máis de dous anos traballando na «Ciudad de la Selva» con resultados moi significativos. Pero, se onde sae o nome da «Ciudad de la Selva» para chamar ao conxunto de campamentos da guerrilla nos montes de Casaio? Quen bautizou o lugar onde, din, era o único sitio no que podía verse a bandeira republicana?

A maioría de autores, como Hertmut Heine, Secundino Serrano ou Carlos Reigosa, entenderon este sitio como un «conglomerado» ou «conxunto» de campamentos guerrilleiros que, segundo o autor, se atopaban de xeito xenérico nos «montes de Casaio» ou nos «vales da Bruña e outros vales contiguos».
Porén, sabemos que os guerrilleiros chamaban a este sitio «Ciudad de la Selva» grazas a tres fontes:
- Polas memorias de guerrilleiros como Mario Morán, Malvavisco, O Inca e outros. Mario Morán, no outono de 1941, comentou que
“la otra parte del grupo, conducido por Girón e Parra se van directamente a Castrohinojo con el propósito de preparar diez caballos bien cargados de alimentos como arroz, garbanzos, alubias,chocolate e conservas, así como tabaco, para transportarlos a los valles de Casayo, la conocida por nosotros como Ciudad de la Selva, donde el resto de los compañeros nos abocamos a la tarea de construir un amplio e cómodo campamento entre el tupido bosque para el cobijo del numeroso grupo de Girón e visitantes que cayésemos por allí. No lejos de allí estaba el campamento del grupo de ‘El Inca’»
- Polos regulamentos da Federación de Guerrillas de León-Galicia que se asinaron na «Ciudad de la Selva»

- Polos distintos números publicados do fanzine «El Guerrillero», asinados en «La Selva».
En calquera caso, o que se deduce de todo isto é que o nome de «Ciudad de la Selva» foi aportado desde fora e non polas partidas guerrilleiras locais (de feito, ata a nosa chegada para estudar esta cidade, a xente de Casaio non recoñecía o nome). E o máis interesante é precisamente o seu significado para os guerrilleiros que estiveron ata cinco anos nestes campamentos: a domesticación (cidade) do descoñecido (a selva).
