Os principios da estratigrafía de harris. A base científica da arqueoloxía

Neste blog non nos cansaremos de dicir e reivindicar a arqueoloxía como unha ciencia da Historia. A materialidade, isto é, todos os obxectos, espazos ou paisaxes utilizadas polas sociedades do pasado, permite que hoxe podamos achegarnos a estas e comprendelas mellor. Ata hai ben pouco, e aínda hoxe, moita xente entende a arqueoloxía de xeito subalterno, como unha disciplina auxiliar da verdadeira historia, aquela que se fai cos documentos. Porén, desde os anos 50, as especialistas en arqueoloxía reivindicaron a súa capacidade para lograr coñecementos autónomos, á marxe da documentación escrita. Isto foi posible grazas a dúas ferramentas esenciais para facer da arqueoloxía unha ciencia con personalidade propia: o carbono 14 (do que xa falaremos noutro post) e os principios da estratigrafía. Hoxe tentaremos explicar a segunda.

Realmente a estratigrafía é un método que provén da xeoloxía e baséase na idea lóxica de que un estrato, ou nivel de terra, que está por debaixo doutro necesariamente ten que ser máis antigo. Isto, que parece unha parvada, foi esencial para poder determinar a lonxevidade real do planeta Terra, e poñer en cuestión o relato bíblico mediante o estudo dos fósiles atopados nestes estratos. Porén, non foi ata moito despois destes primeiros achados que a arqueoloxía entende a potencialidade do uso da estratigrafía para traballar coa materialidade. Desde os inicios do século XX este método foi utilizado na arqueoloxía, ata que, en 1973, o arqueólogo británico Edward C. Harris sistematizou o seu uso no libro «Principios da estratigrafía arqueolóxica». Neste libro, Harris sintetizou os principios da estratigrafía en catro leis.

Exemplo de Harris Matrix

A primeira destas leis chámase a «lei de superposición», e é básicamente unha copia do principio xeolóxico de que un estrato por debaixo doutro é máis antigo. Isto, por básico, é moi importante, xa que permite facer secuencias relativas nos xacementos. O que é interesante desta lei é que inclúe non só os estratos, senón tamén os materiais que hai neles. Así, todos os materiais que están nun estrato por debaixo daqueles que están noutro son, necesariamente, máis antigos.

A segunda lei definida por Harris chámase a «lei da horizontalidade orixinal». Esta lei di que, se non hai nada que interfiera na deposición dun estrato, este o fará horizontalmente ou, no seu caso, adaptándose aos estratos anteriores. Isto implica que cando escavamos e atopamos un estrato inclinado é porque se adapta ao que ten debaixo. Un exemplo importante disto é cando hai un muro, xa que o estrato por riba se adapta e pode avisar da súa existencia.

A tercera lei é quizais a máis significativa para as escavacións arqueolóxicas. Esta lei chámase «lei da continuidade orixinal», e di que todo estrato, se está completo, disminuirá progresivamente polos seus lados ata rematar. Deste xeito, se atopamos un estrato que está interrompido, hai que explicalo. Por exemplo, se nun estrato algúen fixo un burato para poñer un muro, isto verase reflectido nese estrato, esportelado polo burato. Isto é moi útil para entender certos procesos que ocorren no xacemento, e axuda a seguir a escavación estratigraficamente en función das relacións entre os estratos.

Exemplo de Matrix Harris do xacemento e Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense)

Unha das achegas máis significativas do trabalo de Harris foi a coñecida como «matrix Harris». Esta é unha representación esquemática da secuencia estratigráfica do xacemento a través de colocar os distintos estratos documentados na súa secuencia relativa. Deste xeito, temos un resumo da historia dos xacementos a través das actividades que implican os distintos estratos. Estas matrices son a consecuencia lóxica da cuarta lei de Harris, que se chama «lei de sucesión estratigráfica», e que di que un estrato ocupa o seu lugar determinado na secuencia entre as que son máis modernas e as máis antigas. Aínda que pareza mentira, nestas matrices gastamos moitísimo tempo e esforzo, pero paga a pena pola axuda que ofrece para interpretar os xacementos.

Grazas á estratigrafía, a arqueoloxía pode ser unha ciencia, no sentido de que pode sacar coñecemento sobre as sociedades do pasado a través dos obxectos, paisaxes e estratos que nos deixaron.