Manuel Girón Bazán e a falta de rigor. Vol. 1

Alejandro Rodríguez Gutiérrez (Doctor en Historia. Coordinador de Memoria Histórica de Sputnik Labrego)

Hai meses, cando sacamos á luz que conseguíramos identificar xenéticamente os restos do guerrilleiro Manuel Girón Bazán, falamos de que sempre é preciso falar con rigor. Porque así o precisan as vítimas e as súas familias. E porque así é como se constrúe a historia: sen mitificacións, sen sobredimensións, sen manipular os documentos, e sen usalos para tentar aproveitarse desas persoas. E por suposto, lendo ata a última coma de cada documento…


E son varios os casos nos que comprobamos como a figura de Girón foi utilizada cunha total falta de rigor. Hoxe, o primeiro deses capítulos.


Como sabedes, hai que afirma que Girón morreu 4 veces, incluso fan declaracións públicas afirmando que é a única persoa na historia da humanidade que foi inscrita 4 veces nos rexistros. Algo que é rotundamente falso.


A primeira morte que lle atribúen, tivo lugar o 13 de novembro de 1940, dicindo que a quen recoñecen non é ao seu irmán José, que levaba xa algún tempo no exilio – de feito, en setembro dese mesmo ano, intentou sair cara a México a través do Consulado de Burdeos, como vedes no documento do Arquivo General de la Nación de México -, senon que o suposto morto é Manuel.


Tamén falan de que, claro, nunha entrevista Emilia, a súa irmá, dixera que «habían matado a Manuel Girón en todas partes», e que unha vez a levaran a Castropodame a recoñecelo. E claro, se collemos un documento solto, como o da seguinte foto, e vemos que a morte se lle atribúe a José Girón, sen máis datos, poderíamos chegar a pensar que se podería tratar dun erro na transcripción, e que realmente o morto é Manuel, porque efectivamente, José levaba máis dun ano no exilio e, claro, meses antes, en xaneiro de 1940, detiveran a José Igareta, veciño de Villar de los Barrios por administrar os seus bens.


Sen embargo, o que nos ensinan nas facultades, é que os datos, hai que contrastalos e non interpretalos cara o interese persoal da nosa investigación. E é que a memoria é un territorio fráxil, é selectiva, e non é un arquivo exacto. A memoria é unha reconstrucción imperfecta do pasado, que conserva a esencia dos feitos, pero non sempre a precisión dos seus detalles.


Entón, se acudimos ao documento orixinal, á declaración de Emilia en novembro de 1940, atopamos a solución.

«Di que reconoce en el cadáver que le fue expuesto a su hermano el huido José Girón Bazán, de treinta y seis años, casado, cazador, hijo de Emilio y Juana, natural de Los Barrios, el cual se creía se encontraba en Francia, sostenía correspondencia con una tia llamada Petra Girón ya fallecida; sabe también que se casó después de estar huido con una mujer llamada Cesárea Blanco de la provincia de León, ignorando el pueblo así como su paradero actual, cuyas fotografías tanto de él como de ella remitió a la citada tia se incautó la fuerza pública de Los Barrios, no sabiendo la fecha; que tiene otro hermano llamado Manuel Girón Bazán de treinta y dos años, soltero, cazador, de estatura regular mas bien bajo, regordo, moreno de cara ancha más parecido a la declarante que al muerto y del que no ha tenido noticia alguna».

(Adxuntamos tamén a foto, por se hai dúbidas…). Polo tanto, a quen recoñeceu realmente Emilia, a José ou a Manuel…?


E, se isto non fose suficiente, resulta que ainda hai máis. Segundo din, a Guardia Civil sabía dende xaneiro de 1940 que José estaba no exilio e, polo tanto, non podía recoñecelo, porque xa tiñan detido a José Igareta. Vedes que, na portada das dilixencias da súa detención figura efectivamente xaneiro de 1940. Sen embargo, a dúbida salta cando imos a analizar con máis detalle o asunto. Resulta que nesas dilixencias, aparece unha carta asinada por Pepe (José Girón) e Cesárea, datada o 4 de maio de 1940. E danos por pensar que, ben, os contactos poderían terse producido antes e cando José Girón recibe unha carta anterior de José Igareta e quere respondela pois este xa está detido.


Pero claro, se seguimos a afondar máis no asunto, saen máis cousas. E a dúbida, outra vez máis, vaina resolver a declaración do propio protagonista da historia convertida en conto. Transcribimos, sen manipulacións de ningún tipo, a primeira declaración de José Igareta tras a súa detención:

«Preguntado para que manifieste cómo y por quien se enteró de que el José Girón había sido muerto en el pueblo de Castropodame y si después de recibir esta noticia aún ha continuado administrando en igual forma sus bienes; dijo que solo por referencias se enteró de la muerte de aquel, no recordando si en Los Barrios llegó alguien a facilitar esta noticia, por lo que continuaba en uso de sus atribuciones administrando los intereses del mismo».


E seguen falando os documentos, porque o Instructor, afirma na suas primeiras conclusións que a administración dos bens de José Girón e as cartas asinadas por este dende Francia formaban parte dun acordo.

«Supone que también sean aquellas apócrifas y fueran enviadas a él previo un acuerdo entre ambos, simulando se hallaba en Francia para de esa forma poder operar con libertad en España, y no causar perjuicios con deportaciones u otras medidas a sus familiares. […] En Ponferrada a catorce de diciembre del año mil novecientos cuarenta. Polo tanto, a detención de Igareta foi posterior á suposta morte de José Girón, e nada tivo que ver a súa detención e a localización das cartas entre ámbolos dous para que a Guardia Civil soubese que José Girón estaba en Francia. José Igareta foi detido entre ese mes de decembro de 1940 e o 8 de outubro de 1941, cando foi liberado da cárcere provincial de León tras o sobreseimento das dilixencias».

En conclusión, pódese afirmar que Manuel Girón morreu 4 veces? NON. Con rigor, así foi a primeira vez que non deron por morto a Manuel Girón.