
Unha das cuestións máis problemáticas que tivemos que afrontar cando comezamos a traballar no espectacular sitio do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) foi centrar a datación da ocupación ou ocupacións que tivo este sitio. Datar un xacemento arqueolóxico é fundamental para insertalo nun contexto social e político específico; e datar un xacemento as veces non é tarefa sinxela… Como é o caso do Castelo.
Tradicionalmente, este sitio considerouse como un «castro romanizado», o que implicaba unha ocupación entre os séculos I e IV d.n.e. aproximadamente. De feito, as escavacións feitas polo grupo dos Escarbadores, Santiago Ferrer e José Fernández Pérez mostraban materiais (principalmente moedas e cerámicas) que eran coherentes con estas datacións. E esta foi a proposta de xente que traballou intensamente este sitio, como os anteriormente mencionados, o profesor Caamaño Gesto, José Carlos Sánchez Pardo (aínda que alongaba a ocupación ata os séculos VI e VII d.n.e. por outros materiais vencellados ao sitio, como o capitel actualmente na igrexa de San Bernabé) ou Fermín Pérez Losada.

Porén, quedaban algunhas dúbidas por resolver. Cando foi a primeira ocupación efectiva do sitio? Cando se abandona? Houbo máis dunha fase de ocupación o foi todo unha ocupación continuada no tempo?
Despois de moitos anos traballando no xacemento, puidemos facer distintas probas de datación que permiten ser máis preciso coas propostas de ocupación. Deste xeito, realizamos unha ampla batería de datacións radiocarbónicas de distintos contextos arqueolóxicos do xacemento que publicamos agora por primeira vez e que están xa a piques de ser publicadas e comentadas en extenso nunha monografía con todos os resultados do sitio.

Como se pode ver, as dez datacións radiocarbónicas feitas ata de agora mostran unha ocupación, ao menos, entre inicios do século II e inicios do século V d.n.e. Porén, hai que ter en conta que estas datacións mostran principalmente os últimos momentos de ocupación e abandono dos sitios, polo que temos que complementalo con outros datos.
Un dos máis importantes son as moedas, xa que mostran o que se chama en arqueoloxía unha datación post quem (é dicir, un momento a partir do cal esa moeda puido ser depositada. En ningún caso pode ser utilizada ou depositada antes da data na que se fixo a moeda). Grazas ao gran traballo que fixo o investigador e especialista en moedas Erik Carlsson-Brandt, puidemos estudar unha batería de 35 moedas, principalmente agrupadas en moedas dos séculos I e II, dunha banda, e moedas do século IV, doutra. Porén, a presenza dun As de Vitelio do ano 69 d.n.e. e dun Domiciano dos anos 90-91 d.n.e. amosarían unha posíbel ocupación do sitio dende o século I d.n.e. Isto sería coherente con algunhas cerámicas de tipo castrexo documentadas en contextos secundarios. Deste xeito, a nosa proposta é que o sitio do Castelo foi ocupado por primeira vez moi posibelmente nas primeiras décadas da nosa era, e concretamente, no período julio-claudio, momento de expansión deste tipo de asentamentos por todo o noroeste peninsular trala conquista do Imperio Romano.

Doutra banda, os contextos estratigráficos e as datacións amosarían un abandono a finais do século II e durante todo o século III d.n.e. Isto o sabemos principalmente porque non atopamos as producións cerámicas deste momento (sigillatas hispánicas lisas en cantidades importantes sería a sinal máis evidente desta ocupación). Ademais, nalgúns sectores do xacemento podemos ver claramente unha reocupación do sitio que corta as estruturas anteriormente construidas.
Aínda queda a dúbida de cando foi abandonado o sitio. Se ben é claro que a ocupación chegaría claramente ata finais do século IV e moi seguramente xa entraría no século V, o traballo de Erik confirmaría esta hipótese, xa que puido recoñecer unha moeda de Arcadio do 383 e unha moeda de Magno Máximo do 383-388, o que implicaría, con toda probabilidade, a ocupación do sitio ata os primeiros momentos do século V d.n.e. A documentación de producións de sigillata africana e de sigillata tardía estampilladas amosaría a posíbel ocupación ata meados do século V d.n.e., cara o 450. Neste momento, gran parte do xacemento estaría abandonado.

Mais a revisión cerámica deu algunha sorpresa. A presenza dalgunhas producións moi similares as chamadas «cinzentas tardías» portuguesas dentro dos materiais escavados polos Escarbadores suxieren a presenza dunha última ocupación do sitio na segunda metade do século V. A nosa hipótese é que serían as últimas familias encargadas de desmontar as estruturas do sitio, principalmente a fragua, que sabemos está en desuso cara a finais do século IV e inicios do século V d.n.e.

Por que foi ocupado o sitio de Valencia do Sil durante o século I d.n.e.? Por que foi abandonado durante o século II e III d.n.e.? E por que se abandonou definitivamente no século V d.n.e.? Isto serán preguntas que responderemos no libro que esperamos publicar ao longo deste ano.
