Campaña «Recuperemos Valborraz!»

Os lumes que asolaron a Galiza o pasado agosto foron un dos episodios ambientais máis traumáticos do pasado moderno. Segundo os datos oficiais, preto de 125.000 hectáreas de terreo arderon, danando irremisiblemente ecosistemas, zonas de protección ambiental e, o peor de todo, casas e aldeas que se viron reducidas a cinzas baixo a mirada aterrada da veciñanza. Concretamente, estes incendios golpearon de xeito moi duro á comarca de Valdeorras, onde os lumes afectaron a máis de 30.000 hectáreas, incluída a aldea de San Vicente de Leira, derrubada case por completo, o que pasará á historia da bisbarra como unha das máis traumáticas da súa historia recente. Como temos analizado dende o noso proxecto, a falta dunha política de xestión forestal integral que teña en conta ás comunidades locais e as condicións históricas de cada contorna, a insuficiencia na inversión en prevención e limpeza de montes, o despoboamento do rural galego e a incompetencia e apatía das administracións son parte das causas que explican a virulencia destes lumes.

O patrimonio cultural é un dos grandes afectados polos incendios. Aínda que a gran maioría dos xacementos e contextos arqueolóxicos non se ven moi afectados pola acción do lume, algúns entran  nun forte perigo de desaparición. Entre eles, é especialmente sanguento o caso da mina de Valborraz, nos montes de Casaio e moi próxima ao Teixadal, que tamén puido ser pasto do lume se non fose pola veciñanza e o voluntariado. A mina de Valborraz é un dos patrimonios máis espectaculares e únicos de toda Galiza: unha das minas de volframio máis grandes do noroeste peninsular e indirectamente xestionada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Un mineral estratéxico cuxa explotación xerou un dos episodios de industrialización máis intensos de toda a historia de Galiza e que deixou un forte impacto material que está a piques de perderse para sempre. O sitio xa sufriu de moitas agresións naturais e humanas, como o desprendemento dunha canteira que levou unha gran parte das estruturas da mina. Os lumes do pasado agosto culminaron unha longa historia de afeccións ao sitio e hoxe corremos o perigo de perder este patrimonio para sempre.

Por esta razón, desde a Asociación Científica Sputnik Labrego e o Albergue Eco dos Teixos lanzamos esta campaña de financiamento o obxectivo de reverter a situación da mina de Valborraz na medida que poidamos entre todas e todos. Unha campaña co dobre obxectivo de acadar recursos para investir na conservación e potencial restauración deste sitio único pero, tamén e quizais máis importante, chamar a atención das administracións competentes para que non deixen morrer esta contorna histórica, onde tantas historias tiveron lugar e que poden quedar queimadas e enterradas para sempre. Propoñemos entón obxectivos humildes pero reais cara á limpeza e restauración parcial do sitio e, sobre todo, o financiamento dun plan director de rehabilitación co que se poida iniciar un camiño de medio percorrido que pare o proceso de derrubamento de Valborraz.

O patrimonio defínese como aquelo que, socialmente, entendemos que ten que ser protexido e conservado para o presente, por nós, e o futuro, para os que virán. Valborraz cumpre sobradamente estas condicións, pero só se conservará cara ao futuro se facemos un esforzo colectivo e reclamamos o traballo conxunto das asociacións e as administracións públicas. Axúdanos neste pequeno pero decidido paso para conservar un pasado en perigo de desaparecer. Recuperemos Valborraz!

Deja un comentario